Sunday 05 de May de 2024

Inés Rey anuncia máis de 300 prazas de formación gratuíta a través dos novos cursos municipais de emprego


Onte iniciáronse os cursos de informática, con 10 prazas, e a primeira edición do de ciberseguridade con 30 prazas

O Concello da Coruña ten programado o inicio de seis formacións gratuítas para persoas desempregadas este mes de setembro. A alcaldesa, Inés Rey, achegouse esta mañá ao Centro Municipal de Emprego dos Rosais a coñecer ao alumnado dos cursos de Informática e Ciberseguridade que iniciaron as súas aulas no día de onte, luns 11 de setembro. “En total, 304 persoas en situación de desemprego terán a oportunidade de iniciar a súa formación gratuíta nos cursos de emprego municipais este semestre, ampliando os seus coñecementos en peixaría, construción, carpintaría ou outros sectores con demanda de persoal” explicou Rey. A alcaldesa estivo acompañada por Juan Borrego, concelleiro de Emprego; e Yoya Neira, concelleira da área de Benestar Social.

No primeiro semestre, o Concello ofertou un total de 285 prazas a través de 20 cursos, incrementadas nesta segunda quenda en 19 prazas máis. “Cos cursos programados ata a data, o Concello ten prevista a formación gratuíta de case 600 persoas en situación de desemprego neste ano 2023” explicou a alcaldesa, Inés Rey. Entre os cursos iniciados no primeiro semestre atópanse catro edicións de Big Data, impartidas no marco do programa ‘Actualízate’ para o fomento da empregabilidade en áreas dixitais, ao igual que a formación en Ciberseguridade.

“O noso obxectivo como Goberno local sempre foi apostar pola tecnoloxía como futuro económico da cidade, tamén a través da formación en emprego” sinalou a alcaldesa. Rey explicou que os cursos de Big Data resultaron ser un éxito na súa primeira convocatoria cunha alta demanda de solicitudes, ampliando de dúas a catro as convocatorias e o número de prazas por quenda de 25 a 28”. “Neste segundo semestre impartiranse dúas edicións de Ciberseguridade, con 30 prazas cada unha, reforzando a formación en materia tecnolóxica.

Programa ‘Actualízate’

Trátase dun programa que se imparte a nivel nacional, cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE) e impulsado por Red.es, entidade adscrita ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial. Os cursos contan cun compromiso mínimo de contratación do 25% do alumnado que finaliza a formación, con emprego durante seis meses nunha empresa do sector TIC.

A alcaldesa destacou a importancia de apostar pola formación en emprego como motor de reactivación económica e puxo como exemplo o programa ‘Coruña Suma’, que rematou no mes de maio con 1.130 persoas inseridas no mercado laboral, 432 homes (38,2%) e 698 mulleres (61,8%). Contou cun investimento de case 5 millóns de euros, tamén cofinanciados ao 80% polo Fondo Social Europeo. “Emprego non é unha competencia municipal, é autonómica, pero dende os Concellos intentamos paliar a falta dunha estratexia seria e de futuro por parte da Xunta de Galicia” explicou Rey.

A rexedora lembrou que o Concello vén de obter unha subvención para a creación dun Centro de Capacitación Dixital municipal, a través do Ministerio de Educación e Formación Profesional. Trátase da única cidade da provincia en obter os fondos para a creación do centro. “A creación do Centro premitiranos reforzar a oferta de formación nas TIC, logo do éxito dos cursos no marco deste programa ‘Actualízate’ e avanzando cara unha cidade máis tecnolóxica e con emprego de calidade no sector” concluíu a alcaldesa.